Año Jubilar de la Misericordia

6 de marzo de 2013

Escola de catequistas de Riazor

Crónica da última reunión:
O pasado mércores día 20 de febreiro tivémo-la reunión de formación de catequistas na parroquia de San Francisco Xabier.

Nesta reunión falouse das dificultades que actualmente se están atopando nas parroquias á hora de evanxelizar na catequese de iniciación cristiá e a de adultos.

Hai a constatación dunha vida sen fe, debido a varios  factores: descoido dos responsables -pais e padriños-, experiencia da vida, nulo fomento por parte da sociedade, falta de formación porque falta a catequese de iniciación que a hai que facer no último momento na catequese de Primeira Comuñón coa dificultade da falta de interese das familias que consideran esas catequeses coma algo inevitable para que os curas non poñan inconveniente para que se celebre a  festa social).

Dáse a proposta de involucrar ós pais con propostas creativas.

Tamén se falou de que nestes momentos xa é imposible non ofrecer nas parroquias a catequese de adultos porque é necesaria para os próximos, aínda caendo no risco de "pescar en peceira" (quedar só no ambiente cómodo e agradable do grupo que responde e non atreverse a propoñelo á sociedade).

É necesario coidar máis do que o facemos as celebracións da Palabra, sobre todo cando se fai en contextos delicados (funerais de mortes inesperadas e inxustas por seren de xente nova): pídese esmero na preparación, proclamación da Palabra con sentido, explicación seria e profunda, pois ten que forma-la fe dos crentes, sobre todo en momentos persoais moi difíciles; decoro na disposición do lugar sagrado e dignidade e sinxeleza nos ministros da celebración). Esta ten que transmitir ledicia contaxiosa.

Finalizouse cunha oración dunha estampa da Parroquia de San Rosendo (a nosa escola é interparroquial) e cunha invitación-sorpresa dun biscoito feito por unha participante, sen que houbese nada que celebrar.